martes, 29 de noviembre de 2011

Advento: restaurar unha casa que asemella estar en ruínas

"Señor, restáuranos,
que brille o teu rostro e seremos salvos"
Esta é a oración que o crente ten que repetir e meditar no seu corazón nesta primeira semana do tempo de advento. Pero, ¿de que ou de quen me ten que salvar Deus?... para contestar a esta pregunta primeiro un ten que mirar ben cara o seu interior, nas vivencias de cada día, as persoas coas que se vai tecendo a vida familiar e social, os pequenos graos de encontros persoais que poden chegar a transformarse en montañas de problemas..., en definitiva, todo canto axuda a crear a nosa historia persoal e directa ou indirectamente repercute na historia doutras tantas persoas. E cando un xa ten feita unha imaxe global de sí mesmo e dos demais pode daquela descubrir o que está de máis... o que lle falta... o que dá verdadeira felicidade... o que trae a paz ó corazón e á vida.   Daquela é cando se descubre, cando se sinte a necesidade e se cuestiona no máis íntimo da propia vida: quero - necesito - desexo ser feliz. Entón caemos na conta de que hai algo en nós que está roto, o noso corazón é coma un cántaro que perde, e así a súa capacidade para amar é imperfecta e tamén é incompleta a súa capacidade para recibir amor. Ten tantas fisuras causadas por tantos egoísmos, tantos malquereres...
Agora é cando a nosa vida se volve cara unha esperanza, cara unha luz que vén a iluminar cada fisura para poñer onde compre o remedio... nesta amor, naquela perdón, nesta outra misericordia. ¿E de onde vén esa luz? Do corazón eterno de Deus Pai que se encarna en Cristo Xesús para a nosa salvación, para a nosa sanación, para a nosa restauración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario